PRÉSA

A condición de ser alado, veloz, ubicuo, era patrimonio exclusivo de deuses e de heroes, cando o home aínda vivía a lentitude da súa condición animal.

Agora os deuses dormen na eterna retórica do seu silencio e o home, transformado en heroe –case tantos heroes coma individuos habitamos o planeta- adquiriu a cualidade da rapidez, aprendeu a conxugar o delirio e a vertixe, adaptouse a vivir no gume. Cobizamos a ubicuidade, soñamos co simultáneo, xogamos a perseguir o tempo pola esfera das horas. Pero os heroes interpretamos mal o uso que se lle pode dar ó territorio da vida para que este non sexa derrota, para que non se transforme en orfandade.

Présa, palabra de expresión contida, que asoballa e atropela, que impacta. Présa, vocablo macizo e compacto, pechado en si mesmo coma feroz, coma golpe. Présa, sinónimo de fugaz e de esquecemento, anticipo dunha morte absurda. A présa é soidade, non ser de ningures, non estar con ninguén, non reparar que pola beira derramamos sangue. A présa, tal e como a executamos, renuncia ó tacto, á visión, ó olfato. A présa contraponse á tenrura, ás cousas esenciais do diario exercicio de ser muller e de ser home.

Avanzamos sempre a costa de alguén ou de algo, por iso estamos obrigados a calcular os pasos, a valorar o efecto que a cobiza do home por deixar de ser home ten sobre a vida e os seus contornos.

Francisco X. Fernández Naval